Co estado actual do mercado inmobiliario e as dificultades de cada vez máis persoas para acceder a unha vivenda digna, as alternativas aos modelos tradicionais vólvense máis comúns. Desta necesidade xorden os proxectos de cohousing ou vivenda colaborativa: un modelo residencial baseado na comunidade, alternativo á compra ou ao alugueiro. Os obxectivos deste modelo son claros e responden aos obstáculos do mercado inmobiliario: garantir o acceso á vivenda a un prezo accesible, así como evitar a especulación. A última aposta de Fiare Banca Etica no sector da vivenda colaborativa está en Pontevedra: trátase da primeira cooperativa de vivenda en cesión de uso de Galicia, a cooperativa Valdecorvi.
Situado no barrio pontevedrés de Valdecorvos, este proxecto estará constituído por dous edificios de 18 vivendas cada un, podendo acoller a 36 familias. Ao seguir o réxime de cesión de uso, a cooperativa é a propietaria do inmoble; para acceder a ela, as persoas socias deben aboar unha entrada reembolsable de 18.000 €, así como 530 € mensuais. Apenas vén de comezar a construción destas vivendas, mais xa non hai prazas libres, e prevese que as e os residentes poidan entrar en 2026.
Unha aposta pola participación e a comunidade
Ao tratarse dunha organización cooperativa, o proceso de construción das vivendas conta cun importante compoñente participativo: as persoas socias coñecen o desenvolvemento do proxecto e teñen capacidade de decisión sobre el.
Máis alá da súa xestión, o carácter cooperativo e comunitario do cohousing non remata coa construción da vivenda. En moitos casos, o propio edificio é unha aposta pola vida en comunidade: a creación de espazos compartidos e de uso común pretende impulsar un modelo de vida cooperativo e potenciar as relacións humanas.
A vivenda colaborativa, un modelo en crecemento
Valdecorvi súmase deste xeito ao resto de cooperativas de vivenda ás que Fiare Banca Etica tivo oportunidade de financiar nestes últimos anos: La Balma, Entrepatios, Ametxe, Waslala ou Cirerers, entre outras. Dende 2007, apoiáronse máis de 10 iniciativas de vivenda cooperativa, e o que daquela era un sector que comezaba a abrirse camiño, hoxe avanza como un modelo cada vez máis establecido. Estes créditos son posibles grazas aos aforros confiados polas persoas e, para estes novos tempos, o banco decidiu lanzar un Depósito Vivenda que permite investir apoiando este e outros proxectos de vivenda colaborativa.

Lanagro: traballo digno e estable no sector agrícola
27.05.2024

Femarec, tres décadas de inclusión sociolaboral
06.03.2024

Top Manta, moda solidaria pola loita antirracista
23.01.2024

Micromecenado para a esperanza: o barco de salvamento Aita Mari
19.01.2024

Solidaridad Internacional de Galicia
28.12.2023

Rexcatering: educar, concienciar e actuar contra o desperdicio alimentario
20.11.2023