TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Finanzas Éticas

Todas as novidades sobre as finanzas éticas

Etica e cooperativa

Somos socios de Fiare Banca Etica por coherencia cos nosos principios

 

Dialogamos con David Sánchez, director de Seryes, unha corretaxe con vocación de levar a xestión ética e transparente ao sector asegurador e entidade socia do banco.

 

Que vos levou a traballar con Fiare Banca Ética?

O modelo de banca ética de Fiare baséase no cooperativismo para a toma de decisións e Seryes naceu nos 80 para dar servizos aseguradores ao incipiente movemento cooperativo, e impulsou a difusión dos seguros éticos en España.

Ambas as entidades levamos o cooperativismo no ADN e compartimos os principios das Finanzas Éticas e Solidarias (por algo estamos certificados co Selo EthSi de Seguros Éticos e Solidarios). Traballar xuntas é, simplemente, ser consecuente con eses principios.

Por que ser socia dun banco cooperativo?

Por coherencia. Se queremos impulsar un cambio cara a un modelo económico e financeiro ao servizo dos intereses colectivos, temos que fortalecernos mutuamente e medrar, porque dende a marxinalidade non se cambia o mundo. E para fortalecernos e medrar necesitamos remar na mesma dirección. Por iso trasladamos a Fiare o 90 % do noso movemento financeiro e acudimos á última ampliación de capital social.

Cal é o obxectivo da vosa entidade? E cales son as vosas prioridades neste momento?

Seryes fundouse para facilitar ás cooperativas a contratación de seguros, nun momento no que eran as grandes descoñecidas entre o sector financeiro. O noso obxectivo agora é un pouco máis amplo, pero segue a ser o mesmo: impulsar unha economía ao servizo da sociedade, participativa e responsable.

Se nos detemos no momento actual, estamos a ver como a banca, após a caída dos beneficios derivados da concesión de hipotecas, se consagrou á comercialización de seguros, importando as mesmas malas prácticas que provocaron a crise financeira derivada da implosión da burbulla inmobiliaria. Queremos poñer freo a esas malas prácticas e impulsar o aseguramento ético entre entidades e particulares.

Cres que as persoas están cambiando o seu consumo cara a un máis sustentable e responsable? Es optimista neste aspecto?

A xente cada vez está máis concienciada, pero falta información clara e transparente que lle permita saber que opcións de consumo son de verdade sustentables e cales non.

As grandes empresas lanzáronse de cheo ao greenwashing co dobre obxectivo de, dunha banda, limpar a súa imaxe e, doutra, xerar confusión entre a cidadanía sobre a sustentabilidade. Esa confusión é aproveitada por certos sectores para xerar dúbidas sobre os verdadeiros obxectivos que se perseguen cando falamos de cambiar o modelo produtivo cara a outro máis xusto e sustentable. O verdadeiro reto é reducir esa desinformación.

Cales cres que poderían ser as sinerxías entre ambas as entidades nun futuro?

Para continuar fortalecéndonos mutuamente, gustaríanos avanzar cara á comercialización conxunta de produtos. Queremos que as persoas e empresas clientas se sintan cada vez máis apoderadas nas súas decisións financeiras, e que entendan o enorme impacto socioambiental que pode ter a forma en que se usa o diñeiro.

As persoas clientas de ambas as entidades sono porque xa son conscientes e experimentan as vantaxes das finanzas éticas, pero queremos que saiban que poden ir máis alá, e que dispoñen de diversas alternativas financeiras acordes cos seus principios e que seguen a ética profesional na prestación de servizos.

www.seryes.com