Como protexer as túas tarxetas bancarias ao facer compras online e offline
Achéganse datas de aumento do consumo. Estes períodos tamén representan unha oportunidade para a ciberdelincuencia. A medida que aumenta o emprego das tarxetas para realizar pagamentos (tanto en tendas físicas coma en liña), é esencial actuar con precaución e protexer os nosos datos bancarios. En Fiare Banca Etica queremos ofrecerche algúns consellos para que poidas gozar das túas compras con tranquilidade e seguridade.
1. Coidado cos correos e mensaxes de remitentes descoñecidos
O phishing ou suplantación de identidade é unha das tácticas máis empregadas polos ciberdelincuentes. estes intentos poden chegar por correos electrónicos ou mensaxes de texto de fontes aparentemente lexítimas. Se recibes unha mensaxe que solicita datos sensibles, desconfía e nunca proporciones información persoal nin bancaria. Lembra: Fiare Banca Etica nunca che pedirá datos sensibles a través destes medios.
2. Controla as túas operacións e transaccións regularmente
Levares un rexistro dos teus movementos bancarios pode axudarche a detectar transaccións sospeitosas de inmediato. É especialmente útil durante épocas de máis actividade comercial, como rebaixas, vacacións, períodos de Nadal ou eventos como o Black Friday.
3. Desactiva o NFC cando non o empregues
Aínda que o sistema NFC facilita os pagamentos móbiles, pode aumentar o risco de fraude se está activado decontino. Se non o precisas, é recomendable desactivalo ou empregar unha funda protectora que bloquee o acceso aos datos das túas tarxetas.
4. Merca en tendas de confianza e seguras
Verifica que as tendas en liña onde mercas sexan de confianza e ofrezan métodos de pagamento seguros. Un indicativo é que a URL do sitio comece por «https» e teña unha icona de cadeado na barra de enderezos. Evita proporcionar datos bancarios en sitios de reputación dubidosa, xa que poderían ser empregados sen a túa autorización.
5. Aproveita as tarxetas moedeiro ou virtuais para as compras en liña
As tarxetas moedeiro ou virtuais que ofrece Fiare Banca Etica son unha opción ideal para facer pagamentos en liña. Estas tarxetas permiten limitar o saldo dispoñible, o que reduce os riscos en caso de roubo de datos.
6. Non compartas os teus datos bancarios por teléfono
As chamadas telefónicas de supostos «bancos» que piden información sensible son outro método de fraude frecuente. Nunca compartas información persoal nin bancaria nunha chamada entrante. Se tes dúbidas, colga e contacta directamente co teu banco.
7. Evita usar ordenadores públicos e conexións que non sexan seguras
As redes públicas, como as de cafés ou bibliotecas, poden ser inseguras para realizar compras en liña. Opta sempre por empregar unha rede privada e segura, e mantén actualizados o teu computador e mais os programas para evitar vulnerabilidades.
8. Habilita o dobre factor de autenticación (2FA)
Activar a autenticación de dobre factor (2FA) engade un nivel adicional de seguridade ás túas transaccións. Con esta medida, precisas confirmar a túa identidade nun segundo dispositivo ou aplicación para completar unha compra, o que dificulta o acceso á túa conta sen a túa autorización.
9. Activa os avisos de actividade no móbil
A maioría das aplicacións bancarias permiten activar notificacións de actividade. Estas alertas infórmante decontado se se realiza algunha transacción, o que facilita a detección rápida de movementos sospeitosos.
10. Mantén os teus datos de contacto actualizados
Asegúrate de que o banco teña sempre os teus datos de contacto actuais. En caso de actividade sospeitosa na túa conta, poderán contactarte decontado.
11. Pecha sesión ao rematar cada compra
Sempre que remates unha compra, pecha a sesión na plataforma. Isto é especialmente importante se compartes dispositivos con outras persoas, xa que evita accesos non-autorizados.
En Fiare Banca Etica, a nosa prioridade é a seguridade da nosa clientela. Sigue estes consellos e mantente alerta para protexer o teu diñeiro en todo momento. Merca con seguridade e tranquilidade!
Medidas de apoio ás persoas e entidades afectadas pola DINA
11.11.2024
Actualización dos convenios con Fiare Banca Etica
06.11.2024
O camiño electoral para a asemblea 2025, paso a paso
05.11.2024
Convidámoste a celebrar unha década de Fiare Banca Etica en Madrid!
31.10.2024
Un legado de compromiso e paixón
10.09.2024
Compras seguras
19.08.2024