En 2023, a nosa entidade concedeu máis de 59 millóns de euros ao financiamento de proxectos de economía social, o que supón un 24 % máis ca o exercicio anterior, no que se prestaran preto de 48 millóns.
O 60,5 % dos recursos crediticios destináronse ao ámbito social, o que significa que proxectos socioeducativos, de integración sociolaboral, agricultura, vivenda social e saúde recibiron preto de 36 millóns de euros en empréstitos.
O ámbito cultural, educativo e turístico, o que inclúe a organización de exposicións, espectáculos e outras representacións, restauración de obras de arte, xestión de editoriais e teatros, entre outros, atraeu case oito millóns de euros, co que acadou o 13,4 % do total.
A área ambiental recibiu máis de cinco millóns, o que representa un 8,8 %, e a legal e de protección dos dereitos humanos, que abrangue dende accións de loita contra o acoso até defensa de vítimas da explotación, 282 000 euros, o que supón un 0,4 %. O banco outorgou empréstitos á área internacional por un valor de 210 000 euros, un 0,3 % do importe total concedido.
Segundo os cálculos realizados a partir dos datos dos últimos tres anos, Fiare Banca Etica presta quince veces o seu capital social, o que supón que, por cada 1000 euros de capital novo, a entidade concede crédito por valor de 15 000 euros para proxectos de impacto positivo.
Proxectos de impacto positivo
Dentro do ámbito social, durante o ano 2023 financiáronse proxectos de vivenda social, como o de Provivienda para promover o parque de aloxamento accesible economicamente. Tamén recibiron crédito os plans de inserción laboral para persoas con discapacidade intelectual do Grupo TEB; Zehar, unha organización que ofrece atención e acompañamento a persoas refuxiadas e desprazadas, e a marca de roupa social impulsada polo Sindicato Popular de Vendedores Ambulantes de Barcelona Top Manta.
A produtora sevillana La claqueta, que o ano pasado rodou Los tortuga, a compañía barcelonesa de teatro La Virguería e a produtora audiovisual Fábrica Naranja, responsable do documental La Singla sobre la bailadora do mesmo nome, son algunhas das iniciativas culturais que contaron co noso apoio financeiro en 2023.
Na área ambiental, a cooperativa de enerxía renovable Goiener, a mensaxaría sustentable con sede en Zaragoza Grupo La Veloz e a cooperativa de alugueiro de vehículos eléctricos compartidos Som Mobilitat, entre outras, obtiveron empréstitos para financiaren as súas accións.
Microfides, unha organización presente en África e América Latina que concede microcréditos para o apoderamento de mulleres de localidades do Senegal, Benín, Honduras, O Perú e Ecuador, é unha das iniciativas de ámbito internacional financiadas.
Todos estes proxectos teñen impacto positivo, o que implica que contribúen a xerar unha sociedade máis xusta e inclusiva que respecta as persoas e os ecosistemas, construíndo modelos de desenvolvemento novos que unen a sustentabilidade económica, social e ambiental.
Fiare Banca Etica e o Fondo Europeo de Investimentos: un novo acordo para impulsar as finanzas éticas
05.12.2024
Protexe as túas tarxetas ao facer compras online e offline
29.11.2024
7.º Informe sobre finanzas éticas en Europa: bancos éticos sólidos e a carón da economía real
27.11.2024
Medidas de apoio ás persoas e entidades afectadas pola DINA
11.11.2024
Actualización dos convenios con Fiare Banca Etica
06.11.2024
Convidámoste a celebrar unha década de Fiare Banca Etica en Madrid!
31.10.2024