En España, 170 000 persoas traballan no sector agrícola como eventuais. Destas, a maioría proveñen do leste de Europa e de África, e sobreviven con salarios baixos, incumprimentos na cotización á Seguridade Social e malas condicións de aloxamento, ademais de condicións físicas a miúdo extremas. A todas estas irregularidades súmase a inestabilidade; diríase que o primeiro sector se converteu até agora en sinónimo de traballo temporal e precariedade.
Como resposta a este modelo, en marzo de 2023 nace en Áraba Lanagro. A empresa constitúese co obxectivo de construír unha alternativa a esta estrutura disfuncional creando modelos novos: da temporalidade á estabilidade, da falta de formación á profesionalización, da exclusión á inclusión social. Esta mudanza non se formula unicamente como unha mellora para as traballadoras e os traballadores, senón que tamén se ten en conta o interese da industria agroalimentaria nos valores de produción.
Loitar contra a inestabilidade laboral
Aínda que a viticultura é o principal sector de traballo de Lanagro, tamén se traballa o cultivo da pera, e ofrécense ademais servizos de xardinaría e mantemento. Esta diversidade de servizos, sumada ás semanas de formación, permítelle ao cadro de persoal ter un volume de traballo continuo durante todo o ano, o que se traduce en contratos permanentes. Esta é a forma como o proxecto combate a inestabilidade; para algunhas das persoas empregadas, trátase do primeiro contrato da súa vida laboral.
Un maior benestar para un mellor rendemento
Aínda que o benestar das persoas traballadoras é o principio que rexe Lanagro, ofrecer unha mirada cara aos produtores agrícolas é imprescindible para o seu crecemento, así como para a extensión deste modelo. Dende a perspectiva da produción, un dos principais obstáculos ao que se enfronta o sector é a falta de persoal, e as malas condicións laborais son unha das causas máis sinaladas.
Por unha banda, as boas condicións laborais e contar con profesionais con formación e capacitación para empregar as mellores ferramentas comportan un mellor rendemento. Por outra, traballar coas mesmas persoas permite desenvolver relacións máis estreitas, depositar unha maior confianza e realizar unha mellor planificación.
O futuro da agricultura
O percorrido de Lanagro é curto, mais prometedor: recentemente foi recoñecido pola Deputación Foral de Áraba cun premio de innovación social. Ademais, o proxecto inspirou outras iniciativas similares, achegándose así ao seu principal obxectivo: demostrar que existen modelos de traballo funcionais no primeiro sector.

Femarec, tres décadas de inclusión sociolaboral
06.03.2024

Vivenda colaborativa Valdecorvos
05.02.2024

Top Manta, moda solidaria pola loita antirracista
23.01.2024

Micromecenado para a esperanza: o barco de salvamento Aita Mari
19.01.2024

Solidaridad Internacional de Galicia
28.12.2023

Rexcatering: educar, concienciar e actuar contra o desperdicio alimentario
20.11.2023