Política de crédito
A quen financia o teu diñeiro e a quien non
Os créditos que concedemos non están rexidos exclusivamente pola rendibilidade. En coherencia co noso «Manifesto Político», valoramos e eliximos os proxectos que imos apoiar tanto pola súa viabilidade como pola sensibilidade social, ambiental ou ética que mostran.
As decisións resultantes desta política son fundamentais para garantir a coherencia entre a actividade operativa, a misión estatutaria e o noso Código Ético e están na base do pacto establecido coas nosas aforradoras e a nosa base social e clientela.
É indubidable a importancia da corrección e claridade dos procedementos, do respecto á normativa e dunha prudente xestión, pero o proceso do crédito de Fiare Banca Etica caracterízase pola avaliación do mérito crediticio en función tanto de elementos económicos (a análise técnica) como de elementos non-económicos (sensibilidade social, ambiental, ética…) dos proxectos.
Podes verificar a coherencia da Política de Crédito de Fiare Banca Etica na sección “Co meu diñeiro“.
Eidos de financiamento
Os diferentes sectores susceptibles de seren financiados son:
- sistema de benestar social: servizos socio-sanitarios, vivenda social, microcrédito asistencial;
- eficiencia enerxética e enerxías renovables: illamento de inmobles, coxeración, enerxía solar térmica, solar fotovoltaica, eólica, hidroeléctrica;
- medio ambiente: xestión de residuos, reciclaxe de materias primas, producións ecocompatibles;
- agricultura de proximidade: produción e comercialización de produtos orgánicos (ecolóxicos), fomento de canles curtas de comercialización, grupos de consumo e procesos de soberanía alimentaria;
- cooperación internacional: cooperación ao desenvolvemento recoñecida polo Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, e/ou por institucións supranacionais, microfinanzas, finanzas éticas e solidarias;
- animación sociocultural: educación, cultura, deporte, centros xuvenís etc.;
- comercio xusto; entidades que traballan desde aquí.
As eventuais dúbidas de interpretación a respecto dos sectores susceptibles de financiamento deben ser sometidas a debate no Comité de Ética.
Actividades non-financiables
Excluímos a posibilidade de financiar as actividades económicas que obstaculizan o desenvolvemento humano, en particular:
- produción e comercialización de armas; actividades con evidente impacto negativo no medio ambiente; uso e desenvolvemento de fontes enerxéticas e de tecnoloxías perigosas para o ser humano e o medio ambiente;
- explotación laboral infantil, violación dos dereitos humanos;
- cría intensiva de animais que non respecte os criterios previstos nos estándares da certificación ecolóxica;
- exclusión/marxinación de minorías da poboación;
- relación directa con réximes que notoriamente non respectan os dereitos humanos e/ou son gravemente responsables da destrución do medio ambiente;
- actividades de investigación no campo científico que conduzan a experimentación en suxeitos débiles ou non-tutelados ou en animais;
- mercantilización do sexo;
- xogos de azar.
Avaliación das solicitudes de financiamento
A avaliación das solicitudes de financiamento basease nun indispensable coñecemento do cliente, do seu proxecto e os seus requirimentos específicos. Todos os financiamento son avaliados pola estrutura operativa de Fiare Banca Etica en función da capacidade económica e financeira de devolución do empréstito.
A determinación do impacto socioambiental dos créditos concedidos ás organizacións efectúase mediante unha análise desenvolvida por unha comisión de avaliación ético-social. Esta comisión está formada por persoas voluntarias da organización territorial das persoas e organizacións socias, inscritas no rexistro correspondente, que fan posible a avaliación do mérito crediticio da clientela tamén en función de indicadores non-económicos.