Internacional
Non estamos soas
Non nos conformamos con axudar á nosa xente, á nosa comunidade, ao noso país. A xustiza social, as oportunidades ou a sustentabilidade son principios éticos que marcan o camiño a moitas outras entidades financeiras de todo o mundo. Xuntas podemos conseguilo.
Fiare Banca Etica desenvolveu relacións con institutos e organizacións de varios países que comparten o compromiso para a construción dunhas finanzas éticas e unha economía solidaria ao servizo do desenvolvemento humano, social e ambiental sustentable. Somos entidade socia da Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos, e colaboramos coa Global Alliance for Banking on Values.
FEBEA
FEBEA (Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos) é unha organización belga sen fins de lucro constituída en 2001 por Banca Etica canda Crédit Coopératif e Caisse Solidaire du Nord Pas-de-Calais (Francia), Crédal e Hefboom (Bélgica) e TISE (Polonia) para o desenvolvemento das finanzas éticas e xustas en Europa. Na actualidade inclúe 9 bancos, 6 cooperativas financeiras, 5 sociedades de investimento e 3 fundacións.
É un lugar de intercambio de experiencias e boas prácticas. Porén, sobre todo, crea os instrumentos financeiros de soporte para as institucións existentes e que están nacendo no campo das finanzas alternativas. Conta con tres instrumentos principais: o fondo de garantía «Garantie Solidaire», o fondo de investimento «Choix Solidaire» (manexados ambos por Crédit Coopératif) e a sociedade financeira SEFEA.
Global Alliance for Banking on Values
A Global Alliance for Banking on Values (GABV, Alianza Global por unha Banca con Valores) é unha rede independente composta por bancos que operan en todo o mundo inspirándose nos principios das finanzas éticas.
Nada en 2009, conta con 19 bancos adheridos que funcionan en 24 países.
A GABV proponse como unha alternativa crible ao actual sistema financeiro, que provocou a crise que estamos a vivir. Cada banco adherido á GABV é único, pero todos comparten o compromiso de utilizar o diñeiro depositado polas persoas aforradoras en beneficio dos seres humanos e o medio ambiente. As decisións de negocio tómanse, en primeiro lugar, para dar resposta ás necesidades humanas esenciais e, despois, estimando como satisfacer esas esixencias de xeito financeiramente sustentable.
Os bancos que forman parte da GABV son: Affinity Credit Union (O Canadá), Alternative Bank Shweitz AG (Suíza), Assiniboine Credit Union (O Canadá), Banca Popolare Etica (Italia e España), Banco Sol (Bolivia), Bankmecu Responsible Banking (Australia), Brac Bank (Bangladesh), Cultura Bank (Noruega), First Green Bank (Estados Unidos), Gls Bank (Alemaña).