TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES
Asemblea de socios e socias 2025 -> Infórmate e participa

Finanzas Éticas

Todas as novidades sobre as finanzas éticas

Fenda e desigualdade: a presenza das mulleres no mundo empresarial

Fenda e desigualdade: a presenza das mulleres no mundo empresarial

Fenda e desigualdade: a presenza das mulleres no mundo empresarial

Anna Fasano – Banca Eticako lehendakaria

Artigo escrito por Anna Fasano, presidenta de Banca Etica

Aínda que as mulleres representan case a metade da poboación mundial, constitúen unha proporción moito menor no sector empresarial.

Segundo un estudo publicado polo Banco Europeo de Investimentos, que analiza o financiamento e o rendemento das empresas dirixidas por mulleres, a presenza feminina no sector empresarial é particularmente menor na Unión Europea en comparación co Reino Unido e os Estados Unidos.

Este panorama do sector empresarial non só representa unha perda multimillonaria para os mercados financeiros, senón que tamén salienta a necesidade de fomentar a igualdade de oportunidades para que as mulleres ocupen cargos relevantes nas empresas e pechar as fendas de xénero. Promover esta mudanza ten un impacto positivo nos criterios ESG (Environmental, Social and Governance), un indicador que avalía as empresas segundo o seu compromiso co medio ambiente, os aspectos sociais e a gobernanza.

Un dos obxectivos do Grupo Banca Etica é impulsar unha mudanza estrutural nesta dinámica. En 2023 financiamos 292 entidades lideradas por mulleres cun volume de 38 millóns de euros. Deste xeito, as finanzas éticas convértense nun motor para xerar unha auténtica mudanza, construíndo ferramentas para combater as fendas de xénero.

Máis do 36 % das entidades e o 40 % das grandes empresas que financiamos están dirixidas por mulleres. Observamos que as prácticas implantadas por estas entidades son máis sustentables en termos ambientais, ofrecen mellores condicións laborais para o seu persoal e xestionan os recursos de forma máis responsable. Isto permite unha maior resistencia financeira e unha xestión sólida dos retos do mercado.

Canto ao risco de crédito, os datos indican que as empresas lideradas por mulleres non presentan unha taxa de impagamento superior á media doutras empresas. Isto refuta os prexuízos xeneralizados e demostra que financiar estas empresas non é só unha cuestión de equidade, senón tamén un investimento sólido.

O noso banco demostrou que as empresas dirixidas por mulleres xeran beneficios sociais cuantificables en termos de inclusión, sustentabilidade e gobernanza responsable. O 28 % das empresas financiadas que lideran mulleres xerou novos postos de traballo, creando 384 empregos, especialmente para persoas en risco de exclusión. Ademais, estas empresas teñen seis veces máis probabilidades de contratar outras mulleres, co que contribúen a reducir as desigualdades de xénero no mundo laboral. Así mesmo, fomentan a economía circular, a agricultura ecolóxica e a redución de emisións de CO₂. Os datos europeos reflicten puntuacións máis altas nos indicadores ESG, xa que estas empresas son máis propensas a adoptar prácticas sustentables.

Malia estes avances, aínda existen retos para acadar unha igualdade plena. As mulleres que desexan emprender enfróntanse a obstáculos significativos para acceder ao financiamento. A escala mundial, as empresas creadas por mulleres reciben menos da metade dos fondos ca as empresas lideradas por homes, malia xeraren o dobre de ingresos por cada euro investido. En Europa, apenas o 30 % do capital de investimento vai destinado a empresas fundadas por mulleres.

Desde o Grupo Banca Etica desenvolvemos instrumentos financeiros para reverter esta situación. En 2022 lanzamos un produto financeiro de 15 millóns de euros destinado a investir no emprendemento feminino. Actualmente, o 26 % dos nosos préstamos están dirixidos a empresas fundadas por mulleres.

No entanto, sabemos que aínda queda moito por facer. É fundamental reducir a fenda de alfabetización financeira entre mulleres e homes (segundo datos da OCDE), especialmente no referente a conceptos básicos de investimento e xestión económica. Ademais, debemos comprender que investir no sector empresarial liderado por mulleres non é só unha cuestión de xustiza social, senón unha estratexia clave para construír unha economía máis forte, equitativa e sustentable.

Os datos son claros: se a fenda financeira de xénero desaparecese, o impacto económico global sería de entre 5 e 6 billóns de dólares. Isto demostra que apoiar as mulleres emprendedoras non só é un deber ético, senón tamén unha extraordinaria oportunidade de desenvolvemento para toda a sociedade.

(Foto da intervención como invitada no Foro 2025 do Grupo BEI – Banco Europeo de Investimentos, no panel «Gender-lens Investing. Beyond the Business Case», Luxemburgo, 5 de marzo de 2025).

Foto de Luca Gallo y comunicación BEI