Os bancos éticos consolídanse como modelo alternativo á banca tradicional e competentes para afrontar os retos sociais e climáticos do futuro. O 7.º Informe sobre finanzas éticas en Europa, presentado oficialmente en Madrid o 27 de novembro, é un evento de alcance internacional que aposta pola construción dun sistema económico máis xusto e respectuoso coas comunidades e o medio natural.
O 7.º informe e os principais resultados: as diferenzas do modelo
O informe foi elaborado pola Fundación Finanza Ética, a Fundación Finanzas Éticas e a Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos (FEBEA). Trátase dunha análise e comparación entre os 60 principais bancos europeos, suxeitos á supervisión directa do BCE, e os 26 bancos éticos europeos asociados a GABV (Global Alliance for Banking on Values) e FEBEA (Federación Europea de Bancos Éticos e Alternativos).
Capital, calidade dos activos e da xestión, beneficios e liquidez: velaquí os cinco parámetros examinados polo modelo CAMEL empregado para a valoración das entidades de crédito. O resultado é unha fotografía na que os bancos éticos se mostran tan sólidos coma os bancos tradicionais, mais con maior propensión a apoiar a economía real. Entrando en detalle, destácase que, para os bancos éticos, o crédito á economía real representa case o 70 % dos activos, mentres que os tradicionais, os chamados too big to fail, detéñense no 51,6 % dos activos, preferindo activos financeiros con menos riscos, como os bonos do Estado, ou máis especulativos.
Esta observación das entidades de crédito tradicionais aos activos financeiros é evidente mesmo se se analiza o ROE (beneficio neto/patrimonio neto). En cinco de cada dez anos, o ROE dos bancos éticos foi máis alto de forma significativa (+5,85 puntos porcentuais en 2013) ca o dos bancos tradicionais. Isto débese a que os grandes bancos sufriron a crise de 2007-2008 e se foron recuperando amodo. No entanto, os bancos éticos que non estaban tan expostos aos mercados financeiros non tiveron un gran retroceso, mantendo un ROE decontino positivo e de media derredor do 5 %. Nos últimos dous anos, os bancos tradicionais que saíron da crise xeraron un ROE máis alto ca os bancos éticos.
Os bancos éticos teñen unha maior adecuación de capital por termo medio, cunha razón de Nivel 1 do 23,32 % fronte ao 17,23 % dos grandes bancos, o que demostra unha capacidade sólida para absorber posibles perdas nas fases de crise xeneralizada.
O maior enfoque na concesión de créditos dos bancos éticos explica tamén o feito de que os bancos éticos teñen unha relación media entre custos operativos e ingresos (CIR) do 65,74 % fronte ao 52,60 %: a actividade crediticia é unha actividade que require un alto grao de utilización de persoal e de prácticas administrativas; a diferenza da actividade de investimento financeiro, non pode dixitalizarse totalmente e, polo tanto, é máis cara. Os bancos éticos tamén realizan investigacións máis exhaustivas antes de conceder créditos, incluíndo a avaliación de aspectos sociais e ambientais.
Medidas de apoio ás persoas e entidades afectadas pola DINA
11.11.2024
Actualización dos convenios con Fiare Banca Etica
06.11.2024
Convidámoste a celebrar unha década de Fiare Banca Etica en Madrid!
31.10.2024
Accionistas por un ben común: dez anos de Fiare Banca Etica
29.10.2024
Informe de impacto: un reflexo dos nosos principios
23.09.2024
100 millóns de crédito para as pequenas e medianas empresas da economía social
15.07.2024