En resposta ao informe Necesidades de financiamento da economía social 2024 realizado co apoio do Ministerio de Traballo e Economía Social, lanzamos unha nova liña de financiamento que supón un complemento ao PERTE de Economía Social e dos Coidados.
O informe revela a alta necesidade de financiamento das pemes da economía social e, entre as pemes da economía de mercado, a alta demanda de produtos financeiros, especialmente liñas de crédito e instrumentos a curto prazo.
A nova liña de financiamento supón unha reserva de fondos por un total de 100 millóns de euros para a economía social nos próximos dous anos. Destes, 50 millóns irán destinados a investimentos a medio e longo prazo, como necesidades de investimento en equipos ou vivenda cooperativa en cesión de uso ou alugueiro social, e os 50 restantes, para necesidades puntuais de liquidez, anticipo de facturas e outras esixencias a curto.
O prezo máximo está fixado en Euribor a 12 meses +2 %, mais pódese baixar até +0,25 % segundo as garantías ofrecidas e os valores da economía social representados pola empresa. No caso de contar cunha garantía hipotecaria, o prezo reduciríase até o +1,25 % e até o +1 % se se dispón de aval dunha sociedade de garantía recíproca.
Para medir a responsabilidade social da empresa e obter así acceso ao crédito ou mellores condicións, definimos até 150 indicadores agrupados en sete áreas de valor: gobernanza, traballo, cadea, calidade do produto, medio ambiente, redes e comunidades, e transparencia e legalidade.
Tamén se terá en consideración o impacto (tanto o que habitualmente ten a organización coma o que pretende provocar grazas á obtención do financiamento), que se calculará mediante 40 indicadores de 24 áreas de impacto.
As entidades socias ou con convenio de Fiare Banca Etica disporán de condicións e as empresas lideradas por mulleres tamén obterán descontos.
«En Fiare cremos na economía social. A nosa experiencia é que a economía social sempre responde, de aí que puxésemos tantos recursos ao seu dispor», afirma o director de Desenvolvemento e Estratexia de Fiare Banca Etica, Juan Garibi. «Estamos seguros non só de que este produto vén cubrir unha necesidade non-satisfeita da economía social, senón de que os fondos se han esgotar», sostén.
O informe Necesidades de financiamento da economía social ofrece unha radiografía saudable das pemes da economía social e analiza as características destas que inflúen na demanda de financiamento e na súa estrutura financeira, a orixe e destino do financiamento, e os obstáculos para obtela. O 78,2 % das pemes da economía social tivo necesidade de financiamento, especialmente as dedicadas ás actividades sanitarias (94,2 %), ás exportadoras (85,2 %) e ás innovadoras (88,9 %).
A dificultade para que as entidades comprendan os modelos de negocio foi un dos obstáculos máis comúns das pemes da economía social para accederen a este financiamento.

Nova aplicación móbil: un paso adiante na banca móbil
17.02.2025

As finanzas éticas, un suspiro de esperanza.
29.01.2025

Facendo balance de 2024: unha década de impacto en España
17.01.2025

Achegamos enerxía á túa comunidade: Convocatoria para comunidades enerxéticas
10.01.2025

Fiare Banca Etica e o Fondo Europeo de Investimentos: un novo acordo para impulsar as finanzas éticas
05.12.2024

Protexe as túas tarxetas ao facer compras online e offline
29.11.2024