TESTUAREN TAMAINA
KONTRASTE HANDIA (ARGIA)
KONTRASTE HANDIA (ILUNA)
ERABILI DAITEZKEEN LETRA-MOTAK

Finantza etikoak

Finantza etikoei buruzko berri guztiak

Etica e cooperativa

A dimensión internacional de Fiare Banca Etica

Para poder reflexionar hoxe sobre a dimensión internacional de Fiare Banca Etica é preciso, primeiro de todo, recoñecer a intensa e variada actividade que vimos desenvolvendo nos últimos anos neste eido. Quizais o elemento máis significativo, e o que sen dúbida máis desafíos presenta a todos, é a internacionalización da nosa operativa financeira ao constituírmonos como entidade que opera establecida en dous países europeos. Con todo, sendo este feito dunha evidente transcendencia, a nosa dimensión internacional non se reduce a el, nin moito menos.

De feito, en Fiare Banca Etica vimos desenvolvendo practicamente desde o comezo actividades de impacto internacional a moitos outros niveis. Desde as alianzas comerciais con outras entidades financeiras que operan internacionalmente até os acordos con institucións da UE como o Fondo Europeo de Investimentos, pasando pola actividade de incidencia política e cultural desenvolvida polas nosas fundacións e moitos dos nosos socios de referencia, a actividade con impacto internacional foi ao longo da nosa historia moi rica e diversa, ampliando a través de todo este abano de actividades a difusión dun modelo alternativo de facer finanzas que demostrou (e así se recoñece tamén internacionalmente) o seu valor e solidez.

Unha das consecuencias da aposta decidida pola consolidación a nivel europeo da nosa proposta de finanzas éticas foi a creación en 2001 —xunto coas entidades francesas Crédit Coopératif, Caisse Solidaire du Nord-Pas-de-Calais e La Nef, as belgas Crédal e Hefboom, e a polaca TISE— da Federación Europea de Banca Ética e Alternativa (FEBEA). O desenvolvemento da FEBEA desde entón supuxo un factor decisivo na institucionalización internacional do noso modelo, que tivo continuidade coa creación en 2009 da Global Alliance for Banking on Values (GABV), que reúne a entidades bancarias de todo o mundo.

A nosa condición de proposta financeira alternativa que se desenvolve no ámbito internacional obríganos hoxe a valorar abertamente algunhas preguntas: Que supón para nós este novo escenario? Como debemos desenvolver a nosa misión neste contexto? Como conseguir que a nosa base social participe nestes procesos? Cal é o nivel razoable de implicación neste tipo de actividades? Non podemos esquecer que o eido internacional esixe unha visión política e de xestión diferente (moitas veces orientada ao longo prazo) e desafíanos a adquirir novas competencias que afectan a todos os Portadores de Valor. É unha actividade que, cómpre recoñecelo, supón en ocasións apostas sen retorno comercial inmediato e implica novos riscos que xorden de factores como a maior visibilidade en espazos nos que non estamos implantados territorialmente ou a valoración de oportunidades que requiren alianzas con organizacións coas que compartimos algunhas cousas… e quizais non outras. Tamén supón redobrar esforzos por comunicar o valor de implicarse en proxectos e actividades que, en principio, poden estar afastados da nosa base social, que pode pensar que se trata de aventuras que se apartan da nosa misión fundamental.

Coñecendo os riscos e as oportunidades, é importante recoñecer que non podemos dar as costas a unha dimensión que é cada vez en maior medida o ecosistema no que se desenvolve a nosa actividade e que non se arreda, senón que actualiza, a misión de Fiare Banca Etica de transformar o espazo financeiro e os modos nos que a cidadanía se relaciona con el. Neste sentido, a estratexia de Fiare Banca Etica para os próximos anos fai fincapé na importancia das actividades de incidencia política, culturais e financeiras a nivel internacional, recoñecendo o valor das redes internacionais ás que pertencemos e resaltando a necesidade dun maior compromiso nalgunhas delas. A presidencia da FEBEA e a participación nos consellos da GABV e de Finance Watch constituíron apostas realizadas nesa liña nos últimos meses, como tamén o foi a creación o pasado decembro, a iniciativa da Fondazione Finanza Etica e coa participación como socias fundadoras de Etica SGR e a Fundación Fiare, da rede de accionariado crítico Shareholders for Change.
En definitiva, hoxe podemos dicir que a dimensión internacional se nos impón e non debemos ignorala. Como dicía, en Fiare Banca Etica non podemos esquecer que somos un modelo consolidado, cuxo valor como alternativa é recoñecido internacionalmente, e iso responsabilízanos para participar (e mesmo liderar nalgúns casos) procesos de diseminación deste modelo. O desafío (que abofé non é pequeno) é saber xestionar adecuadamente o noso papel, medindo os esforzos e implicando a todos os elementos do noso sistema, entendendo que hoxe é un elemento ineludible da nosa misión.

Peru Sasia
Conselleiro de Banca Etica
Presidente da Febea