GIT Galiza Sur
Non hai palabras dabondo para describir o ben que resultou todo. Despois de semanas de preparación, de nervios, de pensar “que pasará se…”, todo saíu a pedir de boca.
Chegaban con moito ánimo, o mesmo que tiñamos nós cando nos dirixíamos ao aeroporto para recollelos. Case sen tempo de esquecer as nubes galegas que tocaron a través da ventá do avión mergullámonos nas profundidades do mar da man de 13 Grados. No magnífico espazo que nos brinda o Nautilus en Vigo, Sara e Silvia contáronos a vida da súa cooperativa de forma práctica, dando mostra da riqueza submarina das nosas rías. E aínda que estaban algo cansos, como algo tiñamos que meter na panza, ata Árbore que marchamos. Alí, mentres tomábamos un petisco, Miguel e Cándido contáronnos a historia dunha das socias con máis traxectoria e incidencia da contorna.
O sábado amenceu con nubes, ameazaba algunha pinga, que finalmente caeu, pero os medos iniciais non impediron que aproveitáramos ao máximo unha mañá en Montes de Couso. Comezamos no Bosque das Memorias, cunha homenaxe a nosa amiga, a nosa compañeira, a nosa queridísima Cachi. Alí plantamos a súa cerdeira, a que sempre poderemos ir visitar para lembrarnos dela. Escoitabamos gritos. O Bosque estaba a chamarnos con ímpetu. Así que decidimos sumarnos a moitas outras persoas nunha andaina que rematamos cun xantar a base de empanada e xabarín que nos deu mostra dos “Sentires do Monte” dos que tanto nos ten falado Xosé Antón.
A tarde decidimos tomala algo máis relaxada. Tras unha breve vista panorámica da ría baixamos ata Vigo. Repuxemos forzas cunha cervexiña e demos un paseo polo casco histórico camiño de Lar de Sopas. Alí nos esperaban Maribel e o seu equipo, titular, suplente, e achegado. Gozamos dun espectáculo que mesturou música e poesía en galego e italiano, mostra da unión dos pobos a través da arte. Vímonos na obriga (ben recibida) de compartir unha boa cea que alixeiramos cunha queimada elaborada por un artista como Luis. Como todas levamos algo de artista dentro, non puidemos resistirnos. Os cantes e bailes sairon á paletras, a tradición galega e italiana mesturáronse para o deleite de todas.
O domingo iniciámolo cun espléndido sol que nos permitiu aproveitar ao máximo a paisaxe da Illa de San Simón e da súa historia. Foi un pracer pasear pola illa, coñecer o moito que alí aconteceu a pesar do seu pequeno tamaño. E como tiñamos o coche esperando no peirao, marchamos directos a Pontevedra. Alí nos esperaba Suso, que a través de Galca, a asesoría da que participa, convidounos a pasar a tarde con dous importantes proxectos financiados na Galiza; ambos ao redor da vivenda cooperativa. Valdecorvi en Pontevedra, A Luzada en A Coruña. As dúas deron mostra dunha especial forma de poñer solución ao problema da vivenda dunha forma colaborativa pola que Fiare Banca Etica está apostando moi forte nos últimos anos. As obras en Pontevedra van por bo camiño, fomos visitalas co compromiso de voltar para unha celebración na súa zona común.
O luns amencía con cheiro a final. O último día do Gemellaggio arrancou en Vigo, visitando a A Morada, onde Ana, Majo e Fedra teñen creado un espazo de referencia no eido social da cidade. O punto verde da mañán o puxo Jose, que nos explicou o pasado, presente e futuro dunha cooperativa de consumo enerxético como Nosa Enerxía. Mais a mañá estaba pensada en feminino, e non tiñamos mellor forma de pechala que con Cande e Julia, a cara e a cruz de Alalá, que cunha interesante dinámica fixéronos darlle unha volta aos nosos problemas desde unha postura ecofeminista. A visita tocaba ao seu fin, foran case catro día moi intensos, moi próximos, nos que mesturamos cultura, diversión e moitas finanzas éticas. Pero como o seu avión despegaba desde Lavacolla fixemos unha pequena parada en Compostela. Alí nos esperaba Gonzalo, o noso irmán do norte, que nos guiou pola súa vila natal para que as nosas visitantes marcharan co mellor sabor de boca posible.
Ide revisando os vosos calendarios, estamos ameazados polos nosos compañeiros italianos, se non lles devolvemos a visita para o 2025 corremos o risco de que nos veñan buscar polas orellas. Que tal vos vai a primavera? O ofrecemento está sobre a mesa, a ocasión ben o merece, merece a pena que participedes dunha experiencia que marca a diferencia. A viaxe rematou, non sen antes darvos as grazas a todas aquelas que nos apoiades, que participades, que nos mandades unha mensaxe de ánimo cando o calendario volo impide. Saber que contamos con vós anímanos a seguir adiante.
Vémonos na próxima!