GIT Galiza Norte y Asturias
Bico de grao é unha cooperativa galega que abriu en Lugo unha tenda de alimentos orgánicos non perecedoiros e a granel, un proxecto integral que aposta polo consumo responsable, a sustentabilidade e os produtos bio de proximidade a un prezo xusto.
O proxecto parte da iniciativa de tres mulleres: Marta Pérez, Amaia Santamarta e Vanessa Ríos; que co obxectivo de fomentar unha alimentación máis saudable e un consumo responsable, abriron este local pioneiro en Lugo.
Bico de grao nace da vontade cooperativa de levar a cabo un proxecto que poida dar resposta ás inquedanzas destas emprendedoras de atopar espazos comúns respectuosos co medio ambiente e que prevalezan sobre os obxectivos de carácter meramente económicos.
Na tenda pódese atopar unha gran variedade de produtos non perecedoiros como legumes, fariñas, pastas, arroces, cereais, froitos secos e mesmo lambetadas ecolóxicas.
Ademais do aforro que supón comprar a granel, búscase sensibilizar á clientela sobre a redución de envases e a súa reutilización, ofrecendo descontos para aqueles/as que traian os seus propios envases e continentes.
Un espazo de encontro e divulgación
A tenda, que conta cun espazo dedicado á divulgación e contido didáctico sobre alimentación e consumo, tamén pretende ser un lugar de encontro para restablecer o contacto entre persoas produtoras e consumidoras.
Ademais dentro dos seus obxectivos está a organización de encontros, actividades e obradoiros, nun espazo que vire ao redor dos conceptos de consumo responsable, soberanía alimentaria, comercio xusto, agroecoloxía, respecto, feminismo, cooperación, solidariedade e desenvolvemento persoal.
Outro dos alicerces fundamentais do proxecto consiste no traballo en rede con outras tendas ou asociacións para a organización conxunta de actividades e a creación de redes de apoio. Nesta liña, a cooperativa puxo en marcha un grupo de consumo de alimentos, que inclúe produtos frescos, para apoiar a produción local e a agricultura ecolóxica.
Ademais na tenda disporase dun lugar moi especial, un espazo para nenos e nenas con libros e xoguetes dos métodos Montessori e Waldorf e con bonecos da marca Fíxeno eu, creada por Vanessa, unha das promotoras deste proxecto.
Fonte: http://www.fiarebancaetica.coop/blog/bico-de-grao-ilusion-granel#Gallego