GIT Galiza Norte y Asturias
As persoas socias de Banca Etica, reunidas en Padua (Italia) e en Barañáin (Pamplona, España) en asemblea extraordinaria o sábado 28 de novembro do 2015, aprobaron algunhas modificacións importantes dos estatutos do banco relativas aos seguintes temas:
• elección dos membros do consello de Administración;
• organización territorial das persoas socias para favorecer a participación na vida do banco;
• posibilidade de facerse socio/a e votar a distancia;
• introdución do concepto de «Portadores de Valor».
A deliberación resultou en 1219 votos a favor, 94 votos en contra e 76 abstencións. Púidose votar mediante un dispositivo electrónico, mais a verdadeira novidade foi a celebración simultánea da asemblea en Padua e Barañáin (Pamplona-España) con conexión de audio e vídeo e interpretación simultánea.
A necesidade de dotarse dun sistema electoral novo para o Consello de Administración xurdiu en parte da nova normativa (Título IV da Circ. 285 do Banco de Italia, sobre o novo goberno societario dos bancos) e en parte dos retos que quere afrontar Banca Etica: desde a ampliación da base social e a operativa en España ata as oportunidades que ofrecen as tecnoloxías dixitais e que poden garantir un maior acceso á participación.
A proposta de novo goberno —construída ao longo do tempo grazas a un percorrido de participación e comprobación coas persoas socias e cos diversos «Portadores de Valor» que fan funcionar o banco— procura conxugar o valor da participación coa esixencia de votar a un equipo de goberno para o Consello de Administración que posúa as competencias e os requisitos necesarios e que leve a cabo os obxectivos definidos.
De seguido detallamos as principais novidades:
• Participación activa das persoas socias da cooperativa: desde sempre en Banca Etica, as persoas socias activas organízanse por territorios en grupos (Git) e en Áreas a fin de favorecer o seu contacto co desenvolvemento do banco ao servizo dunha economía sostible. Por primeira vez, os estatutos sancionan oficialmente esta organización territorial das persoas socias.
• Introdución do concepto de «Portadores de Valor» do banco: en Banca Etica non contan só os e as accionistas (shareholders), e nin sequera as partes interesadas (stakeholders), senón que definimos a categoría de «Portadores de Valor»: as persoas socias organizadas nas áreas territoriais (Noroeste; Nordeste; Centro; Sur; España); as persoas socias de referencia (é dicir, as grandes organizacións do Sector Terciario italiano que fixeron nacer Banca Etica e que seguen a soster o seu desenvolvemento); e as persoas socias-traballadoras.
• Introdución do voto a distancia: un cambio importante requirido pola normativa e que nos estimula a dar igual oportunidade de participación na asemblea a todas as persoas socias.
• Posibilidade de facerse socio/a a distancia: cos estatutos novos será posible crear hipotéticos mecanismos en liña que permitan facerse socio/a do banco.
• Introdución do voto por lista: ao contrario que no pasado, as persoas socias xa non votarán a candidatos/as individuais ao Consello de Administración, senón que se lles pedirá que elixan o «equipo» que consideren máis idóneo para gobernar o banco.
• Votación para a elección de candidatos/as individuais (non pertencentes ás listas) incluídos nunha lista específica: os e as candidatas elixidas desta lista entrarán na composición final do Consello de Administración a fin de garantir unha dialéctica efectiva e o pluralismo que caracteriza a nosa base social.
• Posibilidade de formar listas participativas mediante unha solicitude pública de candidaturas e unha sondaxe entre as persoas socias.
Faga clic aquí para descargar os Estatutos novos, o Regulamento da Asemblea e a información sobre as vindeiras eleccións ao Consello de Administración.
Podes ler este artigo en castelán, éuscaro ou catalán en http://www.fiarebancaetica.coop/blog/asamblea-extraordinaria-de-banca-etica-aprobado-el-nuevo-gobierno-y-el-refuerzo-de