TAMAÑO DEL TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (OSCURO)
FUENTES ACCESIBLES

Finanzas Éticas

Todas las novedades sobre las finanzas éticas

Etica e cooperativa

«O cooperativismo xera persoas responsables, conscientes e comprometidas coa empresa»

Entrevista a Ana Aguirre, presidenta das Xuventudes na  Alianza Mundial de Cooperativas

Como descubriches o cooperativismo?

Descubrín o cooperativismo como movemento e filosofía durante a carreira. Estudei na primeira promoción do grao de liderado emprendedor e innovación (LEINN) de eMondragon. Despois fun entrando neste mundo grazas ás grandes conversas sobre principios, gobernanza, transformación, co meu pai, membro da cooperativa Mondragón.

En que foi fundamental o cooperativismo na construción da túa traxectoria laboral?

Creamos Tazebaez, a nosa cooperativa, ao comezo do grao. Así que a maior parte da miña actividade laboral foi nunha cooperativa de traballo asociado.
As persoas cofundadoras do proxecto cremos no modelo cooperativo e eliximos todos os días ser cooperativistas, facemos pedagoxía, fomentamos os espazos de participación… Ademais comprometémonos co movemento a nivel internacional, creando a rede de cooperativistas novas de Europa en 2015, canda persoas de 15 países, e sendo parte do comité de xuventude da ACI desde 2017.

Cal é a situación do cooperativismo a nivel mundial?

O cooperativismo a nivel mundial percíbese como un movemento residual, como un «bo intento de alternativa». Porén, segundo a Alianza Cooperativa Internacional, 1 de cada 10 empregos a nivel mundial son cooperativos. O 12 % da poboación mundial é parte dunha das 3 millóns de cooperativas que suman un total de 1 billón de membros.
Ademais, hai unha percepción, errónea moitas veces, de que as cooperativas son empresas sen ánimo de lucro ou que son empresas non-sustentables. Segundo o World Cooperative Monitor, as 300 empresas cooperativas e mutualistas mais importantes suman un volume de negocio de 2,14 billóns de dólares.

Cales son as vantaxes?

Para min, as vantaxes do cooperativismo van máis aló das «doadas de percibir». Claro que agora, coas crises, demóstrase que son máis resilientes, máis responsables, máis capaces de manter o emprego. Tamén sen crises se demostra que son un actor sen igual para a distribución da riqueza e o fomento da igualdade social.
Emporiso, hai factores que talvez pasan máis desapercibidos á ollada externa, como pode ser o apoderamento das persoas a través da participación e a propiedade, o exercicio da responsabilidade, o acceso ao coñecemento e a involucración no día a día da empresa na que traballan, tomando con responsabilidade e conciencia decisións coherentes cos seus principios.
O sistema de propiedade compartida e xestión participativa xera persoas responsables, humanas, conscientes e comprometidas coa empresa como ferramenta de transformación social. Creo que decote estas características pasan desapercibidas.

Como se incorpora a xuventude a este modelo?

A captación de talento é un reto claro para os próximos anos, mais non só para o modelo cooperativo. A transición xeracional é un tema candente en moitísimos foros empresariais e sociais. E o cooperativismo non é unha excepción a isto.
Porén, moitos estudos demostran que a xuventude se achega ao mundo empresarial cuns principios moi marcados de impacto social e ambiental, de participación e de toma de responsabilidade. Así que, na miña opinión, o modelo cooperativo debería ser máis capaz de transmitir todo o potencial que ten en relación con estes valores, porque é coherente e traballa no día a día con eles.

Que retos ten o cooperativismo para fomentar a incorporación da mocidade ao mundo do traballo?

Non somos o mellor movemento a nivel de marketing, mais fixemos bos traballos para entender a mocidade dentro do movemento, por exemplo este de Coops4Dev.
Con todo, a realidade é que de momento precisamos mellorar non só na participación do talento, que non vai mal, senón tamén na participación das persoas novas nos foros de traballo e decisión do movemento.

Hai apoio público abondo para facer desta forma de traballo un modelo máis grande?

A resposta a isto seguro que sempre é non. Sempre se pode máis. Sempre se pode avogar, apostar, apoiar e dar máis axuda a un sector que é o modelo do ben colectivo en formato estrutural.
Para a mocidade, que é o meu campo no caso da ACI, non hai apoio abondo ao cooperativismo novo. Hai estruturas que poderían apoiar moito, que na súa forma son positivas, mais penso que de momento o apoio público ao cooperativismo, sobre todo á xuventude, podería mellorar un montón.

A través da creación de fondos de apoio á educación cooperativa e emprendedora, a través do fomento do entendemento da economía social, non como un sector senón como unha necesidade para a supervivencia do planeta e a mellora social. As cooperativas son negocios e empresas que, malia seren privadas, son de propiedade compartida e intrinsecamente presentan un modelo de devolución á sociedade por medio do reparto que as fai responsabilidade social, pero no día a día. Non facemos responsabilidade social, somos responsabilidade social. E, por suposto, apoios a programas de xuventude neste eido sempre veñen ben.

E a respecto da muller, cal é o nivel de presenza e visibilidade deste colectivo no cooperativismo?

Coma en todos os colectivos, hai un gran camiño que percorrer. No caso das cooperativas, é un camiño que ten ademais que ser responsabilidade de todas as persoas, porque como socias das nosas propias entidades temos que ser activistas.
Nos últimos anos, déronse pasos cara adiante na presenza de mulleres en postos directivos, na estrutura internacional do movemento cooperativo, no traballo… mais queda moito por percorrer. Non estamos exentos deste reto.

Propósitos para os vindeiros 10 anos…

Visibilizar a actividade que xa realizamos. Ser quen de comunicar para captar e de entender a transformación social que está a suceder en moitísimos sectores e como isto vai afectar ao movemento e á identidade cooperativa. E ser proactivas, non reactivas, na transformación continua do modelo.

https://www.ica.coop/es