TAMAÑO DO TEXTO
ALTO CONTRASTE (LUZ)
ALTO CONTRASTE (ESCURO)
FONTES ACCESIBLES

Historias de impacto positivo

Descubre que financia o teu diñeiro

Etica e cooperativa

Rexcatering: educar, concienciar e actuar contra o desperdicio alimentario

O ano pasado desbotáronse en España 1.201,92 millóns de quilos de comida; unha cantidade que, malia a redución dos últimos años, supón tanto un desperdicio económico como un impacto ambiental negativo. Co obxectivo de reducir ao máximo estas cifras, xorde en Biscaia o proxecto Rexcatering, unha iniciativa da Fundación Residuo Cero, na que se tenta rescatar todos aqueles excedentes alimentarios que aínda teñen unha vida útil.

O modo de actuación de Rexcatering pasa por un servizo de cátering particular: parte dos excedentes de comedores escolares e outras entidades colaboradoras. Por mor da dificultade dos comedores colectivos para calcular de forma exacta as racións, son lugares que contan con excedentes alimentarios frecuentes que, con toda probabilidade, han rematar no lixo. Por iso, a partir destes alimentos e após un rigoroso proceso sanitario, o proxecto subministra unha serie de máquinas frigoríficas expendedoras sitas nas rúas de Hernani, Azpeitia, Etxebarri, Durango e Lemoa. Os produtos destas neveiras teñen un custo cero, convertendo así os alimentos que ían ser desbotados nunha forma de cubrir necesidades entre a cidadanía.

Educar na responsabilidade alimentaria

Máis alá de colaborar cos comedores escolares como provedores de alimentos, este proxecto tamén conta coa participación directa do alumnado: as mozas e mozos do centro escolar corresponsabilízanse da etiquetaxe e a colocación dos produtos nas máquinas de vending, formando parte do proceso en momentos chave do mesmo. Facer partícipe a poboación estudantil ten o obxectivo de educar e inculcar unha mirada responsable e consciente sobre a forma en que se consume, ademais das posibilidades que existen para evitar o desperdicio.

As garantías do procedemento

Como as comidas non chegan a saír da cociña, todo o procedemento ten lugar nos propios centros, onde se conserva a temperatura segura tanto para a liña fría (menos de -4 °C) como para a liña quente (65 °C). A continuación, precíntanse os recipientes mediante termoselaxe. O seguinte paso é levar os alimentos quentes a 4 °C utilizando a abatidora, un refrixerador de arrefriamento rápido. A etiquetaxe corre a cargo do alumnado, así como a distribución dos recipientes a pé, asegurando así que todo o ciclo se leve a cabo sen emisións de CO2.

A alternativa ao desperdicio 

Tendo en conta que, só coa cuarta parte da comida que se desbota, se podería rematar coa fame no mundo, o compromiso de Rexcatering non é unicamente abordar o desperdicio, senón tamén o abastecemento. A vertente ética e ambiental de Rexcatering é indiscutible: a experiencia piloto levada a cabo en 2021 permitiu reducir 5 quilos de residuo orgánico por cada 100 comensais por menú, ademais de facer partícipes a 750 escolares-familias. Emporiso, cómpre recalcar tamén a importancia da súa función social: repartir pratos gratuítos e de calidade entre aquelas persoas que os precisan.

https://rexcatering.com/es/